Estes fondos proceden do Plan +Provincia, que este ano achega ao concello de Tui máis de 2 millóns de euros, sumando 1,2 millóns de euros do 2026 e un adianto de 840.000 euros da liña de investimentos do 2027.
A contorna actual, que supera os 6.000 metros cadrados, presenta un deseño pouco estruturado, con carencias en itinerarios peonís accesibles e unha forte ocupación por parte do tráfico rodado e vehículos aparcados.
O obxectivo principal da intervención é recuperar este espazo público para a veciñanza, invertendo a xerarquía actual para dar prioridade ao peón.
O proxecto deseñará unha zona de aparcadoiro máis reducida e ordenada, unha ampla área de lecer peonil con accesibilidade universal, e mellorará a integración paisaxística e ambiental mediante infraestruturas verdes e solucións sostibles de baixo custo de mantemento.




