A Fundación Artesanía de Galicia apoia por undécimo ano consecutivo o Festival Música no Claustro, que se celebra en Tui ata o 7 de agosto. A iniciativa 'Resonancias 26' inclúe tres cursos de formación que terán lugar entre o 4 e o 6 de agosto, centrados na construción e mantemento artesanal de instrumentos musicais, así como na creación dun caderno ilustrado para documentar o evento.
Nesta edición, 'Resonancias' enfócase na aprendizaxe práctica arredor dos oficios artesáns vinculados á construción de instrumentos, permitindo ao público coñecer estes procesos da man de profesionais especializados.
O martes 4 de agosto comeza o obradoiro 'Debuxar o son', impartido pola ilustradora Iria Prol. O obxectivo é documentar o festival a través de ilustracións nun caderno persoal, tomando como referencia a arquitectura da Catedral de Tui, os instrumentos e as ferramentas dos artesáns. O traballo incluirá exercicios breves, bosquexos rápidos e debuxo en directo.
A programación do mércores 5 centrarase no órgano e nos instrumentos de corda fretada, combinando bosquexos con páxinas máis elaboradas durante o obradoiro de mantemento de instrumentos musicais. O xoves 6 haberá debuxo en directo durante o ensaio dunha formación musical, traballando a figura, o movemento e a composición, e culminará cunha revisión dos cadernos.
Paralelamente, o martes 4 terá lugar o obradoiro de mantemento de instrumentos de vento madeira, dirixido polo lutier Adrián Vilaboa. A sesión abordará aspectos básicos da construción e mantemento de frautas, clarinetes, óboes e saxofóns, cunha parte práctica de análise e mellora dos instrumentos dos participantes.
O mércores 5 de agosto, o lutier José Catoira, artesán inscrito en Artesanía de Galicia, impartirá o obradoiro de mantemento de instrumentos de corda fretada. Abordaranse os fundamentos da construción e mantemento de violíns, violas, violonchelos, contrabaixos e instrumentos de música antiga, combinando teoría e práctica.
A arquitectura da Catedral de Tui, os instrumentos musicais, así como os materiais e as ferramentas empregadas polas persoas artesás, converteranse nos principais elementos de observación e debuxo.




