A Conselleira do Mar, Marta Villaverde, xunto á presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, mantivo unha reunión co alcalde de Outes, Francisco Calo, para tratar as necesidades e proxectos de mellora nas instalacións portuarias do municipio.
Un dos puntos centrais da xuntanza foi o proxecto de asfaltado e reforzo do firme nas vías e explanadas do porto do Freixo. Esta actuación conta cun orzamento previsto de 85.000 euros e será licitada proximamente por Portos. Tamén se abordou a renovación do convenio de colaboración municipal co obxectivo de reordenar os estacionamentos e humanizar a contorna portuaria.
Ademais, analizáronse as necesidades de reforzo da seguridade na zona dos pantaláns e as propostas técnicas para unha posible ampliación de prazas para a sétima lista. A cooperación institucional na promoción dos produtos pesqueiros locais tamén foi tema de debate, especialmente tras a colaboración da Consellería na recente Festa de Exaltación dos Produtos da Ría.




