Tras a súa recente designación como Director Territorial de Educación na provincia da Coruña, Santiago Freire, quen tamén foi alcalde de Noia, saíu ao paso das críticas recibidas por parte de diversas forzas políticas e nas redes sociais. Freire cualificou estas acusacións como "unha cuestión de política de difamación, calumnia e de intentar desprestigiar a unha persoa", sinalando que responden a unha "venganza persoal" tras a moción de censura que o apartou da alcaldía de Noia.
O inspector veterinario da Xunta de Galicia rexeitou as críticas sobre o seu perfil profesional para xestionar máis de cincocentos centros educativos. "Calquera pode entender que non se trata de que vaia dar clases aos alumnos, senón que é unha labor de xestión administrativa", afirmou, subliñando a súa experiencia política en dous concellos e como deputado como bagaxe suficiente para o posto.
“"É unha cuestión dunha política de difamación, calumnia e de intentar desprestigiar a unha persoa"
Freire tamén desmentiu a suposta crítica situación económica do concello de Noia, asegurando que os exercicios de 2024 e 2025 pecharon con remanentes de tesourería positivos superiores a 1,5 e 1,1 millóns de euros, respectivamente. Ademais, contrapuxo proxectos en tramitación por valor de máis de 6,6 millóns de euros cando deixou o goberno, como a remodelación da depuradora ou a ampliación da estación de tratamento de auga potable, acusando o actual executivo de "apropiarse" destas obras e de perder investimentos significativos, como unha de máis dun millón de euros de Portos de Galicia para a fachada marítima.
Respecto ao futuro político, e a dez meses das próximas eleccións municipais de 2027, Santiago Freire confirmou que non será o candidato do Partido Popular en Noia. Explicou que a estratexia do partido pasa por presentar primeiro os candidatos das grandes cidades e despois os das vilas, sinalando que hai "un escenario aberto" con "unha serie de persoas que poderían asumir esa responsabilidade". Comprometeuse, como presidente local do partido, a traballar para recuperar a alcaldía.




