O suceso tivo lugar arredor das 15:15 horas, cando o 112 Galicia alertou a Salvamento Marítimo sobre unha embarcación atrapada nas pedras. Os controladores marítimos de Fisterra mobilizaron de inmediato a Salvamar Regulus para levar a cabo o remolque.
Ademais dos efectivos marítimos, tamén se desprazaron por terra membros de Protección Civil e da Policía Local para atender a situación. Os tres ocupantes da planadora puideron abandonar a embarcación sen necesidade de asistencia e sen sufrir feridas.
Debido a que a planadora quedara nunha zona seca entre as rochas, foi preciso agardar á subida da marea para poder liberala. Finalmente, sobre as 16:30 horas, logrouse realizar o remolque e a embarcación foi trasladada ao porto de Porto do Son, onde quedou atracada.




