A Consellería de Política Social e Igualdade, representada pola súa titular Fabiola García, e o alcalde de Outes, Francisco Calo, formalizaron a sinatura de dous convenios de colaboración destinados á execución de obras de mellora en infraestruturas municipais clave. O Goberno galego achega un total de máis de 60.000 euros para estes proxectos.
En concreto, destinaranse máis de 48.000 euros a diversas actuacións no interior do centro de día. As melloras previstas inclúen o pintado das paredes, a instalación de novos pavimentos e a renovación das proteccións da escaleira. Estas achegas súmanse ás xa realizadas o pasado ano, cando o Goberno galego financiou obras neste recurso por valor de 20.000 euros.
Ademais, asinouse outro acordo para acometer obras na escola infantil municipal durante o período non lectivo. Estas actuacións, cun orzamento de preto de 13.000 euros, centrarase na mellora do acceso exterior, coa reubicación da entrada e a reforma do pavimento. O obxectivo é facilitar a comodidade das familias e garantir un espazo seguro e accesible para os máis pequenos.
Fabiola García subliñou que estes investimentos reflicten o compromiso da Xunta coas familias galegas, proporcionando equipamentos axeitados ás súas necesidades. Tamén se lembrou que será o concello de Outes o responsable da execución e do seguimento destas obras.




