O acordo permitirá compensar con ata 700 euros mensuais ás persoas mariscadoras que participen nestes traballos de rexeneración, destinando máis do 89% do importe total do convenio directamente ao pago destas compensacións. O plan técnico prevé a mobilización progresiva de ata 71 profesionais e centrarase nas zonas produtivas da praia do Castelo e nos bancos da enseada de Esteiro.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, criticou a "desidia do Goberno central" por manter a Galicia sen axudas estatais, o que supón unha "discriminación" fronte a outras comunidades, a pesar de que a comunidade foi declarada zona gravemente afectada polos temporais. A Confraría de Muros convértese así na terceira entidade en formalizar este tipo de convenio coa Consellería do Mar, sumándose a Noia e Vilaxoán.
O plan de traballo estrutúrase en labores manuais de descompactación e oxixenación do substrato para optimizar o asentamento dos bivalvos. Estas tarefas complementaranse coa retirada de algas ou conchas e coa clasificación dos residuos mariños para o seu posterior tratamento ecolóxico. Tamén se inclúe un programa bimensual de mostrexos e seguimento biolóxico, quendas de vixilancia diaria e accións formativas específicas sobre técnicas de semicultivo e identificación de especies exóticas invasoras.
Ademais, a Xunta autorizou outros dous convenios con Cabo de Cruz (Boiro) e Vilanova de Arousa, que suman máis de 1,8 millóns de euros para a recuperación marisqueira. Estes acordos forman parte dos 22,7 millóns de euros que o Goberno galego prevé inxectar no sector ante a mortaldade masiva do marisco polas choivas do pasado inverno. Os profesionais poderán recibir ata 700 euros por entre 10 e 12 días de traballo ao mes mentres os bancos estean pechados.




