En moitas ocasións, a rutina diaria e a sobrecarga de información poden facer que pasemos por alto as pequenas marabillas que nos rodean. Cada recuncho ten unha historia, e en Galicia, moitas delas quedaron rexistradas. Para saciar a curiosidade e conectar coa contorna, Wikipedia pon a disposición dos seus usuarios unha ferramenta que permite descubrir estes relatos.
Este mapa interactivo localiza todos os lugares e eventos históricos que contan cun artigo no portal web da enciclopedia. Así, quedan marcados e accesibles ao público indicadores xeográficos con imaxes e información detallada sobre localidades, castelos, batallas, ríos e pontes, entre outros. Permite coñecer dunha ollada todos os puntos históricos rexistrados nun espazo determinado.
A representación interactiva de Galicia no mapa inclúe máis de 1.000 entradas repartidas polas catro provincias, sen límites temporais. Desde a Batalla de Montecubeiro no ano 774, que enfrontou a rebeldes galegos contra as cortes asturianas, ata as batallas de Ponte Sampaio e Elviña en 1809, cando o pobo galego se alzou contra a invasión napoleónica, a ferramenta abarca un amplo espectro histórico.
Ademais dos enfrontamentos bélicos, o mapa tamén inclúe institucións históricas como as universidades galegas, cada un dos municipios rexistrados na plataforma e estruturas arquitectónicas impresionantes como a Muralla de Lugo ou a Ponte romana de Ourense. Tamén se poden atopar outros indicadores xeográficos e políticos de interese.
Para acceder a esta funcionalidade, os usuarios deben descargar a aplicación móbil gratuíta de Wikipedia, dispoñible para Android e iOS. Unha vez instalada, non se require rexistro; basta con activar os permisos de localización. Dentro da aplicación, na sección “máis” (situada na esquina inferior dereita), pódese seleccionar “lugares” para comezar a explorar. Os datos que alimentan o mapa proveñen dos propios artigos publicados en Wikipedia, utilizando Wikimedia maps e Openmaps.




