A Asociación de Veciños Centro de Lugo, que representa aos residentes do casco histórico da cidade, cualificou de “moi prexudicial para a mobilidade e a seguridade” a proposta de ordenanza da Zona de Baixas Emisións (ZBE) do Concello. A principal crítica céntrase na permisividade para que os vehículos de mobilidade persoal (VMP), como os patinetes eléctricos, circulen “libremente, sen restrición ningunha”, o que consideran un “risco”.
“"Pedimos que estes vehículos estean obrigados a seguir os mesmos itinerarios establecidos para o resto de vehículos"
José Castro, vicepresidente do colectivo, subliñou que esta decisión “contradí a Lei de Tráfico”. Por iso, a asociación presentou alegacións á ordenanza co obxectivo de que a circulación dos patinetes eléctricos quede “perfectamente regulada”. A proposta inclúe que estes vehículos sigan os mesmos itinerarios que o resto dos vehículos para asegurar unha circulación ordenada e segura.
Ademais da regulación dos VMP, as alegacións tamén fan fincapé na “necesidade de reforzar o control da contaminación acústica dentro da ZBE”. Esta demanda é especialmente relevante para o entorno da Catedral de Lugo, unha área que os veciños describen como “especialmente degradada neste aspecto”.
“"O entorno da catedral é un punto emblemático da cidade, con tres elementos Patrimonio da Humanidade"
Os residentes lembran que esta zona é un punto emblemático da cidade de Lugo, onde conflúen tres elementos declarados Patrimonio da Humanidade: a Catedral, a Muralla de Lugo e o Camiño de Santiago, o que xustifica unha protección especial contra o ruído.




