O artista lucense Rubén Paz é o encargado de dar vida a esta obra, que se estende por 30 metros de ancho e 15 de alto na fachada oeste do edificio. O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, xunto a varias xogadoras do club, supervisou o inicio dos traballos, onde xa se poden apreciar os primeiros trazos das figuras principais.
“"Esta intervención artística recoñece a traxectoria do Ensino como emblema do deporte lucense ao tempo que embelece e reforza a dimensión simbólica do Pazo."
Castro subliñou que o mural cumpre un compromiso co Ensino, cuxa execución se demorou debido a actuacións previas na fachada e na cuberta do Pazo. A iniciativa chega nunha tempada destacada para o club, que logrou clasificarse para a Copa e mantén unha notable traxectoria na Liga. Esta mellora artística compleméntase con outras infraestruturas no Pazo, como a ampliación do aforo e a recente inauguración dun novo videomarcador.
O Ensino, fundado en 1981 no Colexio da Compañía de María por Fernando Fernández Allende, conta con máis de catro décadas de historia. O club ascendeu á máxima categoría, a Liga Feminina, na tempada 1994/95, baixo a presidencia de Pilar Linares e con Manel Sánchez como adestrador. Nos anos seguintes, con Juan Corral como técnico, o equipo consolidouse, chegando a ser finalista da Copa da Raíña en 1998 e 2002. En 2019, o club adoptou a súa denominación actual: Ensino Lugo Club de Baloncesto.
O deseño do mural, que incorporará referencias ao patrimonio da cidade de Lugo, continuará a tomar forma nos vindeiros días. O traballo de Rubén Paz está suxeito ás condicións meteorolóxicas, pero agárdase que pronto se complete o recheo de cor para darlle o seu aspecto definitivo.




