As prazas para estes desprazamentos, deseñados para facilitar a observación da eclipse e aliviar a presión sobre a rede viaria, poden reservarse xa nas páxinas web de Monbus e Arriva. Tamén se poderán adquirir nas estacións de autobuses e nos propios vehículos nas liñas de Lugo e da Mariña, ata completar capacidade.
No Eixo Atlántico, habilitaranse conexións especiais desde Vigo cara a A Coruña e Ferrol. A ruta Vigo-Ferrol contará cun servizo adicional de saída ás 12,35 horas, con paradas en Pontevedra, Santiago de Compostela, Pontedeume, Fene e Ferrol. A ruta Vigo-A Coruña terá un servizo especial de saída ás 14,00 horas, con paradas en Pontevedra, Santiago de Compostela e A Coruña. En ambos os casos, haberá un servizo de regreso ás 23,00 horas.
Na provincia de Lugo, reforzaranse as liñas cara a Ribadeo e Foz. A conexión Lugo-Meira-Ribadeo terá unha nova saída ás 17,00 horas, mentres que a liña entre Ribadeo e as praias de Foz sumará unha nova saída ás 18,00 horas. Os regresos desde Ribadeo programáronse ás 22,30 horas e desde Foz ás 21,30 e 22,00 horas.
Os usuarios poderán utilizar a Tarxeta de Mobilidade de Galicia para beneficiarse das bonificacións da Xunta, incluíndo viaxes gratuítas para menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova e para maiores de 65 anos coa tarifa +65.
A Xunta tamén dispón dunha páxina web específica, eclipse.xunta.gal, con información actualizada, recomendacións de saúde, seguridade, mobilidade e protección ambiental para a observación do fenómeno.




