A federación veciñal Lucus Augusti, presidida por Jesús Vázquez, denunciou "averías constantes, interrupcións frecuentes e fallos que provocan atrasos reiterados nos tratamentos" nun dos aceleradores lineais do servizo de Radioterapia do Hula. Segundo a entidade, estas incidencias veñen producíndose dende hai aproximadamente seis meses, alcanzando un "punto crítico" na pasada Semana Santa, cando os tratamentos quedaron supostamente interrompidos durante seis días consecutivos.
“"A federación veciñal Lucus Augusti denuncia "averías constantes, interrupcións frecuentes e fallos que provocan atrasos reiterados nos tratamentos" nun dos aceleradores lineais do servizo de Radioterapia do Hula."
En resposta, o Sergas cualificou de "especialmente grave" e "absolutamente falso" falar de interrupcións de tratamentos durante seis días. Criticou as afirmacións da federación por "seren incorrectas, xerar unha alarma inxustificada e estar baseadas nun evidente descoñecemento da realidade asistencial". A entidade sanitaria subliñou que o Hula dispón de dous aceleradores plenamente operativos, e non só un como indicaba o colectivo veciñal.
O Sergas asegurou que os fallos nos equipos "en ningún caso alteraron os plans terapéuticos establecidos polos especialistas", xa que os pacientes con sesións afectadas foron reprogramados de forma inmediata. Para garantir a continuidade asistencial, o servizo prolonga horarios e habilita xornadas adicionais, incluídos os sábados. Aínda que se contempla a derivación a outros centros se fose necesario, o Sergas afirmou que non foi preciso facelo nas recentes avarías.
Entre as demandas da federación atópanse a compra e instalación dun novo equipo, a extensión do seu uso aos sete días da semana e a derivación temporal de novos pacientes a outros centros mentres non se resolva a situación actual. O Sergas tamén sinalou que a asociación incorre en "erros básicos" ao dirixirse a responsables institucionais que xa non ocupan o seu cargo, o que evidencia unha "falta de rigor" nas súas afirmacións. Ademais, informou que o novo acelerador para o Hula está pendente de licitación.




