A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e a rexedora municipal, Elena Candia, presentou a nova Guía de boas prácticas para eventos deportivos e de ocio da Xunta. O acto coincidiu co primeiro día do Caudal Fest, festival que celebra a súa oitava edición nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
A guía, dispoñible para descarga no portal Gaia da Xunta, está dirixida a promotores de eventos, tanto públicos como privados, e busca facilitar a incorporación da sostibilidade en todas as fases: planificación, organización, execución e avaliación. É aplicable a actos de diferentes dimensións, desde carreiras populares ata eventos musicais multitudinarios, verbenas, romarías, actos culturais ou eventos corporativos.
Ángeles Vázquez salientou o Caudal Fest como exemplo de aplicación práctica, destacando medidas como o uso de vasos reutilizables, a recollida selectiva de residuos, o fomento do transporte público e o uso de entradas electrónicas para reducir o consumo de papel. O festival, que reúne milleiros de persoas e moviliza ducias de empresas, desenvólvese nun entorno urbano ligado á contorna natural do río Miño.
As recomendacións da guía organízanse en sete ámbitos: consumo de enerxía, auga e materiais; xestión de residuos; emisións de gases de efecto invernadoiro; contaminación acústica e sensibilización ambiental. Tamén inclúe unha ferramenta de autoavaliación para que os organizadores poidan identificar áreas de mellora.




