O edil socialista Jorge Bustos esixiu á alcaldesa de Lugo, Elena Candia, que non se perdan os avances logrados polo anterior goberno municipal para a creación dunha praia fluvial na cidade. Ante a proximidade da tempada estival, Bustos reclama ao actual Executivo municipal que aclare se continuará coa tramitación desta iniciativa ou se, pola contra, renuncia definitivamente a que Lugo conte cunha praia fluvial pública.
Os socialistas tamén solicitarán coñecer as alternativas que manexa o goberno local para garantir unha zona de baño accesible á cidadanía e, en caso de que exista vontade de poñela en marcha este mesmo ano, cando prevé abrir ao uso un espazo que leva décadas sendo unha aspiración dos lucenses.
Bustos recordou que o executivo do que formaba parte xa avanzara nunha proposta concreta que abarcaba tres sectores diferenciados: a zona dos Robles, o ámbito central do parque das Saamasas con acceso ao baño e unha terceira área de baño libre na contorna da recentemente rehabilitada Fábrica da Luz. O proxecto, segundo explicou, "respondía a unha demanda histórica da cidadanía lucense e que pretendía compatibilizar o uso público do río coa protección ambiental do contorno".
O concelleiro socialista advertiu de que as últimas informacións coñecidas sobre a prohibición permanente do baño en distintas zonas fluviais de Galicia "non poden converterse nunha escusa para deixar no caixón o traballo realizado". Neste sentido, lembrou que o pasado 13 de maio fíxose público o listado definitivo coas 42 zonas con prohibición permanente de baño por criterios relacionados coa calidade da auga e a seguridade sanitaria.
"En Lugo existe un precedente moi esperanzador, porque a única zona autorizada para o baño é precisamente a dun club privado situado a escasos metros da localización proposta para a nova praia fluvial, e ademais cunha cualificación de excelente", sinalou Bustos, quen considera que este feito "avala a viabilidade da iniciativa e reforza a necesidade de seguir traballando para conseguir a autorización da Xunta".




