O conxunto eslovaco Iuventa Michalovce confirmou a súa presenza na final da Copa Europea de balonmán tras unha emocionante remontada fronte ao Bursa Buyuksehir turco. As centroeuropeas lograron neutralizar unha desvantaxe de cinco goles do partido de ida, vencendo por 25-19 no encontro de volta e asegurando así o seu posto na final contra o Mecalia Atlético Guardés.
O partido decisivo estivo marcado pola intensidade, cun Iuventa Michalovce que nunca baixou os brazos. Un parcial de 6-1 nos minutos finais da primeira metade permitiu ás eslovacas chegar ao descanso cunha vantaxe de 10-6. Aínda que o equipo otomán reaccionou na segunda parte, achegándose a dous goles a falta dun cuarto de hora (16-14), uns minutos finais espectaculares, xunto cunha defensa impecable, selaron o +6 necesario para a clasificación, con dous goles de Kowalik, o último a só 17 segundos do final.
O Guardés gozará do factor cancha na final, xa que o Iuventa Michalovce xogou a volta da final de 2024 na casa, mentres que as miñotas disputaron a ida da edición de 2023. Deste xeito, o primeiro partido terá lugar en Michalovce o 16 ou 17 de maio, e a volta celebrarase sete días despois. A pesar de que o pavillón de A Sangriña non cumpre co aforo mínimo de 1.000 espectadores, o club xa está a traballar para poder acoller este importante encontro.




