A formación nacionalista non perdeu tempo tras a moción de censura que devolveu o poder ao PP e xa activou a maquinaria para elixir o seu candidato á alcaldía. A asamblea local confirmará previsiblemente este mércores a Rubén Arroxo, quen se presentou como único aspirante, para liderar o proxecto.
Arroxo, que foi portavoz municipal, dirixiu unha carta aos veciños de Lugo distribuída nos seus buzóns. Nela, agradece "o apoio recibido durante os últimos anos" e destaca que "poder servir a Lugo durante estes sete anos foi un enorme orgullo", subliñando a "colaboración, a boa acollida e a aposta" da cidadanía polo proxecto do BNG no Concello.
O candidato tamén fixo fincapé no vínculo emocional e persoal que o une á cidade. "Poucas cousas hai tan gratificantes como poder traballar cada día polo concello no que naciches, no que te criaches e no que queres poder vivir sempre", afirmou.
Respecto á recente situación política, Arroxo sinalou que "Vós decidistes co voso voto en maio do 2023 que continuase o goberno que estaba a gobernar Lugo e o PP decidiu levar adiante unha operación de transfuguismo, aproveitándose das desgrazas humanas que aconteceron neste mandato", en referencia ao falecemento de membros do grupo socialista.
A pesar da actual situación, o portavoz nacionalista asegurou que "esteamos onde esteamos, imos seguir traballando para que Lugo siga avanzando", lembrando os avances urbanísticos e o crecemento demográfico da cidade. Arroxo pediu "desculpas por calquera erro que puidésemos cometer" e apelou ao "optimismo", concluíndo con "Nun ano, co voso apoio, estaremos de volta".




