A deputada nacionalista Olalla Rodil cualificou a medida de "gravísima", afirmando que "trata ás traballadoras e os traballadores deste país como vagos e maleantes" e que, ademais, "acusa ao persoal sanitario de cometer fraude".
“"Trata ás traballadoras e os traballadores deste país como vagos e maleantes."
Rodil sostén que o plan de Rueda está "baseado nunha mentira", xa que considera "absolutamente falso" que Galicia lidere as baixas laborais en España. Segundo os datos da asociación de mutuas AMAT, a comunidade sitúase como "a segunda comunidade autónoma que menos baixas rexistra".
Para o BNG, o problema fundamental reside no "colapso da sanidade pública", que provoca longas demoras para probas, consultas con especialistas ou atención primaria. A deputada puxo como exemplo as esperas de máis de cinco meses para un TAC en Lugo.
A situación da saúde mental é especialmente preocupante na provincia de Lugo, onde "só temos 3 psicólogas e psicólogos clínicos de atención primaria para unha poboación de máis de 300.000 persoas", lamentou Rodil.
“"Só temos 3 psicólogos clínicos de atención primaria para toda a provincia de Lugo."
O BNG rexeita que o control das baixas pase a mans das mutuas, cuxo interese é "poñerte outra vez no teu posto de traballo". A formación nacionalista propón reforzar a sanidade pública cun plan de recursos humanos actualizado, que inclúa novas categorías profesionais como psicólogos clínicos, fisioterapeutas e nutricionistas, para aliviar a carga dos médicos de cabeceira e garantir unha atención integral.




