O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e do xerente da área sanitaria, Ramón Ares, visitou hoxe as melloras na UCI pediátrica do HULA. Esta actuación supón un importante avance na organización e calidade da atención pediátrica do hospital.
Grazas a un investimento de máis de 150.000 euros, creouse unha UCI pediátrica independente da unidade de Neonatoloxía, diferenciando os espazos para neonatos e para nenos de maior idade. Cada posto ten unha superficie de 20 m2 e complétase cun control de enfermería central con visión directa das áreas asistenciais.
As obras tamén permitiron reordenar e mellorar todo o espazo pediátrico, adecuando a unidade de Neonatoloxía, mellorando a zona de hospitalización de lactantes e creando unha sala de lactancia. Incorporáronse á actividade asistencial pediátrica espazos que antes ocupaban zonas administrativas, buscando maior funcionalidade, privacidade, seguridade e unha atención máis humanizada, incluíndo unha zona de estar para os familiares.
O servizo de mantemento do hospital executou a obra, que permite aos profesionais desenvolver o seu traballo de xeito máis funcional. A unidade mantén a dotación de persoal con tres profesionais de enfermería e dous auxiliares por quenda. Ata xullo, hospitalizáronse 108 nenos, cunha estadía media de 3,28 días.
O conselleiro remarcou que o HULA é centro de referencia para pacientes pediátricos críticos de toda a área sanitaria. Destacou tamén outros avances do hospital, como a primeira Neuroescola de Galicia, no seu XV aniversario, e a próxima incorporación dun novo acelerador lineal de radioterapia cun investimento de 2,7 millóns de euros.
“"A Xunta seguirá a traballar para que o HULA continúe ampliando capacidades e reforzando a súa condición de hospital de referencia."




