O alumnado de terceiro e cuarto da ESO do colexio Maristas de Lugo levará a cabo o vindeiro luns, entre as 10.00 e as 14.00 horas, a iniciativa solidaria ConCienciArte. Este proxecto educativo e social, impulsado dende as materias de bioloxía e plástica, ten como obxectivo contribuír á loita contra o cancro a través da concienciación cidadá e da recollida de fondos.
A actividade desenvolverase ao aire libre na praza de Campo Castelo, se o clima o permite, ou nos soportais da Rúa Bispo Aguirre en caso de choiva. Durante a xornada, os estudantes instalarán un posto informativo e de venda solidaria onde combinarán divulgación científica e expresión artística. O fin é achegar á cidadanía información sobre a prevención, o tratamento e a realidade das persoas afectadas por esta enfermidade.
O proxecto conta coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro, entidade á que se destinarán todos os fondos recadados. Os alumnos elaborarán carteis informativos e darán a coñecer o labor que realiza a asociación no acompañamento de pacientes, familiares e na investigación oncolóxica.
Como parte da iniciativa, poranse á venda produtos artesanais creados polos alumnos, como láminas artísticas, bisutaría, bolsas ou pezas de roupa reciclada e pintada a man, ademais doutras creacións realizadas ao longo do curso.
Dende o centro educativo subliñan que ConCienciArte busca ser máis ca unha simple actividade solidaria; pretenden que se converta nunha experiencia de aprendizaxe e compromiso social onde o alumnado sexa protagonista dun cambio positivo, fomentando valores como a empatía e a responsabilidade mentres visibilizan a importancia da investigación.
O centro convida a toda a cidadanía lucense a achegarse á actividade, coñecer o traballo dos estudantes e colaborar cunha causa que busca sumar esforzos para avanzar na loita contra o cancro.




