Esta actuación, que contará cun investimento de 2,25 millóns de euros, permitirá incorporar novos dispositivos asistenciais, mellorar a coordinación dos equipos e favorecer a continuidade dos tratamentos e o seguimento dos pacientes. A intervención está prevista a medio prazo, no horizonte de 2030, e aproveitará o bloque posterior do edificio que forma parte do complexo do CIS, situado no barrio da Residencia.
A iniciativa súmase aos servizos de saúde mental que xa funcionan neste centro, posto en marcha en novembro de 2023, e que reúne atención primaria, urxencias e distintos dispositivos de apoio. O Plan estratéxico de saúde mental 2026-2030 prevé tamén outras actuacións na provincia de Lugo, entre elas, a mellora das instalacións de Calde e a creación dunha nova unidade de hospitalización infanto-xuvenil no Hospital Lucus Augusti (HULA).
A planificación destes novos espazos asistenciais enmárcanse no proceso de transformación das infraestruturas sanitarias de Lugo, que tamén inclúe o centro de saúde do Sagrado Corazón, que será construído na parcela do antigo colexio para substituír ao centro actual. Neste sentido, Gómez Caamaño sinalou que o Concello de Lugo xa dispón dos terreos e que o seguinte paso é formalizar a súa cesión ao Servizo Galego de Saúde.
A Xunta dispón dunha proposta técnica para unha infraestrutura cun investimento autonómico próximo aos 5 millóns de euros e unha superficie aproximada de 1.600 metros cadrados. Unha vez cedida a parcela, a previsión é licitar na primavera a redacción do proxecto do novo centro. A nova infraestrutura permitirá organizar mellor os espazos destinados á atención primaria, mellorar as condicións de traballo dos profesionais e ofrecer unha atención máis axeitada á veciñanza.
Ademais, a Xunta avanza na reforma do centro de saúde da Milagrosa. O conselleiro explicou que durante a obra foi necesario reforzar a estrutura, con traballos de saneamento de vigas e pilares, o que ralentizou o comezo dos traballos máis visibles. O obxectivo é rematar as obras o vindeiro ano.




