A falta de prazas de aparcamento en Fontiñas é unha demanda que afecta tanto ás persoas residentes como á actividade comercial e aos servizos da zona. Para dar resposta a esta necesidade, o Concello traballa en dúas liñas complementarias: a licitación de tres novos aparcadoiros e a apertura dun procedemento para identificar e adquirir máis terreos que poidan destinarse a un cuarto estacionamento público.
Neste marco, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras de tres aparcadoiros disuasorios na rúa Primavera, na avenida Vila Verde e na Ronda Xosé Castiñeira, na contorna do Conservatorio de Música. As tres localizacións darán servizo á avenida das Fontiñas en diferentes puntos e permitirán habilitar 103 prazas para vehículos, ademais de espazos para motos e bicicletas.
O orzamento conxunto das obras ascende a 273.578,56 euros, IVE incluído, e o prazo estimado de execución é de seis meses. As 103 prazas distribuiranse en tres localizacións: 27 na rúa Primavera, 18 na avenida Vila Verde (unha reservada para persoas con mobilidade reducida) e 58 na Ronda Xosé Castiñeira. Os proxectos comparten unha solución de pavimentación que integra herba na superficie, favorecendo a infiltración da auga e reducindo a superficie impermeabilizada.
Ás tres actuacións súmase unha nova iniciativa para ampliar as posibilidades de estacionamento. O Concello abre un período de información pública para que as persoas propietarias de parcelas na contorna da Rolda das Fontiñas poidan ofrecer os seus terreos, cunha superficie de entre 2.000 e 4.000 metros cadrados e a unha distancia máxima de 150 metros dos límites da Rolda. As persoas propietarias interesadas disporán dun prazo de 20 días hábiles para presentar a documentación.




