A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, Basilio Otero, asinaron hoxe en Burela un convenio de colaboración polo que a Xunta achega 96.000 euros para apoiar a actividade deste colectivo a prol do sector pesqueiro lucense ao longo do ano 2026.
A maior parte dos fondos, 80.000 euros, están destinados a apoiar o funcionamento e a operativa diaria da federación, garantindo así o desenvolvemento dos seus servizos e a súa representación. A contía restante financiará actuacións de investimento co obxectivo de modernizar a xestión administrativa e fortalecer a competitividade do sector pesqueiro de litoral e marisqueo na provincia.
Grazas a este programa, executaranse obras de acondicionamento e mellora do mobiliario do arquivo na sede da federación, adquirirase novo equipamento informático e financiarase a organización do Congreso de Pesca Artesanal do Cantábrico Noroeste. Este congreso busca pór en común as demandas e os retos da frota pesqueira xunto a outras federacións galegas e cantábricas.
Esta colaboración enmárcase no apoio continuado que a Consellería do Mar vén prestando ás entidades representativas do sector pesqueiro lucense. No período 2020-2026, o investimento acumulado suma máis de 520.000 euros, co fin de fortalecer a defensa dos intereses dos pescadores e mariscadores da provincia.




