A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta impulsará o desenvolvemento do futuro parque empresarial de Portanxil-Pegariños, localizado en Bertamiráns (Ames). A sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur) prevé iniciar a tramitación en setembro para licitar o Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (Peose) do polígono no último trimestre deste ano.
Lorenzana mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Ames, Blas García, en Santiago, para tratar as necesidades de desenvolvemento de solo empresarial no municipio coruñés e as posibilidades de crecemento do actual polígono industrial de Bertamiráns.
A conselleira destacou o emprazamento estratéxico do futuro parque, que conectará coa estrada da Costa da Morte, a Autovía Santiago-Noia e a autoestrada AP-9. O alcalde amesán agradeceu o interese da Xunta, subliñando que "o ritmo de crecemento de Ames fai necesario habilitar solo industrial e empresarial para xerar oportunidades de emprego na zona".
Ames conta co distintivo de Concello Emprendedor, aliñándose co obxectivo da Xunta de facilitar o investimento empresarial, impulsar a reactivación económica e ofrecer axilidade administrativa, acceso a solo industrial e incentivos fiscais.




