O delegado territorial da Administración autonómica, Alfonso Villares, visitou esta mañá a residencia DomusVi de Outeiro de Rei, onde hoxe se lles administrou a vacina ás persoas usuarias e ao persoal.
A poboación diana para a vacinación fronte á gripe confórmana as persoas de 60 anos ou máis, mentres que a da COVID son os maiores de 70 anos. Como novidade, este ano amplíase a vacina antigripal de alta carga para toda a poboación de 65 ou máis anos.
Villares lembrou que a Consellería de Sanidade prolongará a campaña ata o 31 de decembro, incluíndo progresivamente diferentes colectivos e grupos de idade. A inmunización para profesionais sanitarios e poboación infantil comezou o 13 de outubro, estendeuse ás persoas de 70 ou máis anos o día 19, e ás mulleres embarazadas o luns pasado.
A partir do 9 de novembro abrirase aos cidadáns a partir dos 60 anos; e dende o día 30 de novembro a conviventes con persoas de risco e ao resto da poboación diana.




