A xove atleta lucense Emma Méndez, de tan só 20 anos, está a vivir un momento de forma excepcional. Recen chegada de Croacia, onde se proclamou campioa mundial júnior en dúas modalidades dos Youth Skyrunning World Championships: subida vertical e a proba Sky. A pesar destes éxitos internacionais, Méndez mantén a súa esencia, tal como ela mesma describe: "Sigo sendo a mesma persoa, sigo sendo a nena que ten que estudar, que vive en Lugo e que na cola do Gadis segue sendo a mesma persoa".
O pasado fin de semana, Méndez pechou un campionato perfecto. O venres impúxose na proba vertical, de 4,5 quilómetros e case 1.000 metros de desnivel positivo, cun tempo de 45.38 minutos. O domingo, repetiu ouro na categoría Youth C feminina cunha proba Sky de 20,5 quilómetros polas cristas de Makarska, finalizando en 3.03.12. A pesar da dificultade extrema, recoñece que a segunda carreira foi un desafío mental máis que físico, xa que o terreo resultou ser "literalmente pedras" que esixían máis escalada que sendeirismo.
Este dobre ouro mundial coroa un inicio de ano sobresaínte para a deportista. En xaneiro, xa conquistara a prata sub-23 no Campionato de España de campo a través individual, e en abril proclamouse campioa sub-23 no Campionato de España de Trail Running por Federacions Autonómicas. "Non sei se estou no meu mellor momento porque espero que a miña carreira sexa bastante longa, pero si que é un bo comezo de ano e do que pode ser a miña carreira deportiva. Aínda teño 20 anos e espero que só sexa o principio", sinala.
Na súa traxectoria, vinculada á Fedme, Méndez compite con dous clubs: Adictos al Trail Running e Castelus Trail. Destaca a figura do seu adestrador, Marcos Naya, do que di que é responsable do "80%" do seu éxito, mantendo contacto diario a pesar de non vivir en Lugo. O resto do seu apoio distribúese entre o seu esforzo persoal e os profesionais que a axudan na preparación mental, nutrición e seguimento deportivo.
Tras os éxitos internacionais, Emma Méndez regresará este domingo á casa para participar no Medio Maratón Cidade de Lugo. A proba, que alcanza a súa oitava edición, é unha das citas populares máis importantes do calendario atlético galego, con preto de 1.400 corredores. Para Méndez, correr en Lugo ten un valor especial, sendo un "resort" familiar onde pode centrarse en estudar e adestrar, agradecendo o apoio dos seus pais.
A atleta xa participou en tres edicións anteriores do Medio Maratón, correndo dúas veces a media distancia e unha o 10K. Defende a proba como "necesaria" para a cidade e destaca o gusto de correr na casa, coñecendo o circuíto. Valorou positivamente o crecemento da carreira e a súa posible homologación, aínda que subliña que o importante é o desfrute dos corredores. "Gústame que non se fai longa, que non é plana, vas pola muralla... pero ao final son 21 quilómetros e disfrútas".
Despois do Medio Maratón, Méndez afrontará o Campionato de España de carreiras en liña a finais de xuño, seguido dun descanso estival antes de enfrontar retos como o UTMB do Mont Blanc e as Sky Trail Running Series. Mentres tanto, desfrutará de Lugo, bañándose no río e gozando de Segade e Penarrubia.




