Tras coñecerse os datos definitivos da liquidación orzamentaria do exercicio 2025, o PSOE de Lugo reivindica a aplicación urxente de 23,3 millóns de euros. Segundo o informe do Servizo de Intervención Xeral, validado por decreto de Alcaldía o pasado 15 de maio, as contas municipais presentan un saneamento e un marxe de financiamento elevado.
O Remanente de Tesouraría para Gastos Xerais (RTGX) sitúase en 23.338.867,96 euros. Os socialistas defenden que esta cantidade dispoñible e libre de cargas debe destinarse de forma inmediata a "investimentos e novas actuacións na cidade". O voceiro socialista, Miguel Fernández, sinalou que estas cifras "desmontan as falsidades e o ruído do Partido Popular" e demostran unha xestión "responsable e con superávit".
Fernández urxe ao Goberno local, encabezado por Elena Candia, a tramitar estes fondos para destinalos a barrios e parroquias, reforzar as políticas de emprego e ampliar o "escudo social municipal". "Lugo non pode permitirse perder máis tempo entre propaganda, confrontación e titulares baleiros", declarou.
Ademais do remanente, o informe reflicte un resultado orzamentario axustado cun superávit real de 14,5 millóns de euros. Durante 2025, o volume total de créditos definitivos xestionados alcanzou os 148,8 millóns, mentres que as obrigacións recoñecidas ascenderon a case 116 millóns.
Os socialistas argumentan que estes recursos son esenciais para garantir a continuidade de proxectos estratéxicos, como o Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando, reforzar os servizos públicos e asegurar a execución de compromisos pendentes co tecido empresarial, que suman 11,54 millóns de euros.
O grupo municipal socialista comprometeuse ademais a vixiar a aplicación destes remanentes, defendendo que a prioridade debe ser "poñer ás persoas no centro da acción política" e evitar atrasos na posta en marcha de novas partidas orzamentarias.




