O representante socialista Miguel Fernández comunicou aos veciños do barrio do Sagrado Corazón que o seu partido non permitirá que o proxecto urbanístico previsto se converta nunha "mole de formigón". A formación esixe á Xunta e ao Concello de Lugo que se modifique o plan actual.
Segundo as declaracións do exalcalde de Lugo, o plan actual "excede a edificabilidade prevista no PXOM" e tería un "forte impacto urbano e na calidade de vida" dos residentes. Por iso, reclama unha rectificación urxente.
“"Non imos permitir que o Sagrado Corazón se converta nunha mole de formigón"
Ademais, Fernández volveu a reivindicar a execución da reforma da Rúa Serra de Meira, unha obra pendente dende hai anos que forma parte do plan Paradai.
O edil socialista detallou aos veciños a estratexia deseñada polo anterior goberno local, centrada en "transformar a mobilidade, mellorar os servizos públicos e garantir un desenvolvemento urbanístico equilibrado".
Destacou tamén proxectos xa en marcha, froito da colaboración con outras administracións, como a apertura do paso intermodal ou a reforma integral da Avenida Adolfo Suárez. Tamén mencionou plans futuros, incluíndo un sistema de rampas e ascensores para conectar a nova estación co centro da cidade.




