A apertura oficial será ás 10:45 horas, coa presenza da alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e do concelleiro de Cultura, Javier Vázquez. Dende primeira hora, a música de Skaldir e os personaxes de Human no Limits animarán as rúas e prazas do recinto.
Unha das principais atraccións será O Dragón do Castelo, unha criatura fantástica duns catro metros e medio de lonxitude e dous metros e medio de altura, que percorrerá o mercado ás 12:00 e ás 18:30 horas. A programación inclúe tamén propostas itinerantes como A marquesa e o seu criado, Os soldados errantes (con artistas sobre zancos), Os feiticeiros escuros e o espectáculo Malabares de xograres.
Durante toda a xornada haberá obradoiros gratuítos de oficios tradicionais, onde se poderá coñecer e probar actividades como o tiro con arco, a heráldica, a caligrafía medieval, o traballo en coiro, a talla en madeira, o fiado, a elaboración de coroas de flores ou a cota de malla. A oferta familiar complétase cun recuncho infantil con xogos tradicionais e atraccións medievais.
A programación nocturna ofrecerá dous espectáculos principais. Ás 20:30 horas chegará O Deus do Lume, con coreografías que recrean a loita entre a luz e a escuridade. Ás 21:30 horas, Lume e lapas, da compañía Trapecio, pechará a celebración cun espectáculo de lume, circo aéreo, trapecio e acrobacias.
O XXV Mercado Medieval permanecerá aberto ata as 22:00 horas na contorna da Catedral de Lugo, sumándose á programación festiva do San Froilán.




