O Concello de Lugo creará 293 novas prazas de aparcamento disuasorio

O goberno local licitará a redacción dos proxectos técnicos para oito puntos estratéxicos que buscan mellorar a mobilidade e reducir o tráfico.

Imaxe xenérica de aparcadoiros disuasorios nunha cidade.
IA

Imaxe xenérica de aparcadoiros disuasorios nunha cidade.

O Concello de Lugo licitará a redacción dos proxectos técnicos para a creación de 293 novas prazas de aparcamento disuasorio distribuídas en oito puntos estratéxicos do municipio.

O proxecto prevé a habilitación de cinco parcelas de titularidade municipal, que sumarán 164 prazas, e outras tres de propiedade privada, achegando 129 prazas adicionais. O Concello xa alcanzou un preacordo cos propietarios destes terreos privados para a súa incorporación á futura rede de estacionamento.
As localizacións previstas para estes aparcadoiros inclúen a Rúa Primavera, Rúa Lucas Ferro Caaveiro, Rúa Río Eo, Rúa Xosé Castiñeira e a Avenida de Vilaverde en parcelas municipais. No ámbito privado, situaranse na Rúa Avutarda, Rúa Eloi Maquieira e Rúa Sanxillao.
Desde o goberno local destacaron que esta iniciativa cumpre "os compromisos coa cidadanía" e busca "unha cidade con máis alternativas para estacionar e cunha mobilidade mellor organizada". O primeiro paso será a aprobación na Xunta de Goberno Local da licitación para redactar os proxectos técnicos.
Este contrato conta cunha inversión de 17.303 euros e permitirá definir as características construtivas, o orzamento e as solucións técnicas necesarias para a execución progresiva das actuacións. Segundo o informe técnico, a rede de aparcadoiros disuasorios "permitirá incrementar a oferta de estacionamento en zonas periféricas e de transición, favorecendo desprazamentos máis eficientes, reducindo o tráfico de paso e diminuíndo a procura de aparcamento nas áreas con maior intensidade circulatoria".