O edil nacionalista sinalou que a estrutura presenta herba alta e descoidada no seu interior, o que cualificou como "unha mostra do descoido ao que o PP somete as zonas verdes da cidade". Penas expresou a súa preocupación ante a posibilidade de que esta situación sexa "o paso previo a eliminar unha zona verde".
Ademais, o concelleiro lembrou que durante o ano 2024, o Partido Popular, dende a Xunta de Galicia, investiu preto de 50.000 euros na substitución do céspede natural por artificial na rotonda da estrada de Portomarín.
Alexandre Penas destacou a importancia desta rotonda, que mellorou o cruce entre Afonso X e a Ronda de Fingoi. A construción, levada a cabo nos primeiros meses deste ano, substituíu un cruce semaforizado nun punto onde conflúen vías de tráfico similar intensidade. O BNG, dende o Concello, impulsou a creación desta rotonda axardinada e o redeseño das entradas para garantir a seguridade peonil e manter a continuidade da rúa.




