O espazo público de Paradai, situado entre a avenida Infanta Elena e a rúa Alexandre Bóveda, será obxecto dunha renovación integral. O Concello busca converter este lugar nun punto de encontro máis agradable, accesible e pensado para o desfrute da veciñanza, cunha apertura de ofertas prevista para o próximo 3 de decembro.
Esta actuación forma parte da estratexia municipal para mellorar os espazos públicos dos barrios da zona norte, incorporando natureza e novas posibilidades de lecer para distintas idades. O proxecto contempla a renovación dunha superficie aproximada de 3.000 metros cadrados.
Incluirase unha nova zona infantil de 228 metros cadrados con xogos para diferentes idades e cuberta para sombra, ademais dunha tirolina e unha pista multideporte para fútbol, baloncesto, tenis ou voleibol. A idea é que Paradai sexa un espazo para todos: nenos, mocidade e familias.
A renaturalización será clave, coa incorporación de novas árbores e zonas axardinadas con céspede natural, ademais de novos bancos, papeleiras e a conservación da fonte de auga potable. Tamén se renovarán os pavimentos con materiais de cores claras e mellorarase a accesibilidade.
A obra conta cun orzamento base de licitación de 497.949,69 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de seis meses. Está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea (fondos FEDER) e nun 40 % con achega municipal, integrada no Plan de Actuación Integrado Lugo Novo Norte.




