A cita, consolidada como un referente no calendario estival, contará cun programa variado que inclúe exhibicións de avións acrobáticos, voos de iniciación e a presenza dun globo aerostático da Federación Aeronáutica Galega. Ademais, os asistentes poderán gozar de exposicións aeronáuticas e dun simulador de voo facilitado polo CIFP As Mercedes.
O acceso ao recinto será libre e gratuíto para toda a cidadanía. O horario de apertura establecido para as actividades e as mostras técnicas será de 10.00 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 20.00 horas pola tarde.
A organización destacou o carácter internacional do evento, que atrae visitantes de diversos puntos, incluíndo Portugal. A iniciativa conta co apoio económico da Deputación de Lugo, que achega 10.000 euros para a súa realización.




