O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas, correspondente á semana que rematou o 11 de outubro, sinala unha tendencia á baixa na comunidade. A dispensación de antigripais nas farmacias galegas descendeu un 10,6 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 18 %.
Segundo os datos recollidos pola rede sentinela de oficinas de farmacia, a taxa de consultas por gripe diminuíu un 19 % respecto á semana anterior, situándose en 11,9 consultas por 100.000 habitantes. O descenso afectou a case todos os grupos de idade, agás o de 60 a 79 anos (estable) e o de 80 e máis anos (cun aumento do 18,6 %). As maiores taxas de consulta seguen a rexistrarse en nenos de 0 a 4 anos. A área sanitaria de Lugo foi a que presentou a maior taxa de consultas por gripe.
No que respecta á COVID-19, a taxa de consultas tamén diminuíu, un 22,3 %, pasando de 35,6 a 27,7 por cada 100.000 habitantes. Este descenso foi máis acusado nos grupos de idade máis novos (0 a 4 anos e 5 a 19 anos). O grupo de 80 e máis anos rexistrou a maior taxa con 44,4 consultas por 100.000 habitantes. A área sanitaria de Ourense foi a que tivo a taxa máis elevada, con 46,2 consultas por 100.000 habitantes.
En canto aos ingresos hospitalarios, notificáronse 53 ingresos por gripe ata o 11 de outubro, sendo o virus tipo A o predominante. A taxa de ingresos por gripe mantense estable en 0,8 por 100.000 habitantes, cunha duplicación da taxa no grupo de 0 a 4 anos. O grupo de máis de 80 anos presenta a taxa máis alta (4,1 ingresos por 100.000 habitantes), e a área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos rexistra a maior taxa (1,8 ingresos por 100.000 habitantes).
A taxa de ingresos por COVID-19 descendeu de 6,8 a 5,3 por 100.000 habitantes, agás no grupo de 0 a 4 anos que se mantivo estable. As persoas maiores de 80 anos presentaron a maior taxa de ingresos (30,6 por 100.000 habitantes). A taxa de ingresos só aumentou na área sanitaria de Ferrol, mentres que Ourense rexistrou a taxa máis elevada (8,5 ingresos por 100.000 habitantes).
A positividade do virus da COVID-19 situouse no 20,4 %, o que supón un lixeiro aumento respecto da semana anterior (19 %). A campaña de vacinación contra a COVID-19 e a gripe iniciouse o 28 de setembro nas residencias e centros de discapacidade, e continúa nos centros de saúde e colexios para o persoal sanitario e infantil.




