A Confederación Española de Policía (CEP) e a asociación de gardas civís AEGC concentráronse este martes en Lugo para expoñer o que consideran unha "situación desastrosa" dos corpos policiais na provincia. Os organizadores sinalaron a "instalacións obsoletas" e a falta de recursos como problemas comúns, poñendo como exemplo a comisaría da capital lucense.
Agustín Vigo, coordinador rexional da CEP, lamentou que a construción de novas comisarías, como as dos Mossos ou a Ertzaintza, se priorice sobre a de Lugo, afirmando que "como sempre, somos os últimos". Ademais, criticou a próxima implantación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) na cidade, xa que "parece ser que van chegar os policías, pero os medios non van a chegar". Vigo ironizou sobre como poderán traballar os axentes, "non sei se terán que ir en patinete, porque vehículos para eles non hai".
Vigo tamén arremeteu contra a xestión da xefatura da comisaría, que, segundo el, "está a destrozar a Unidade de Seguridade Cidadá". Criticou a implantación dun novo sistema de quendas rotatorio (6x6) que, a diferenza do anterior sistema fixo acordado polos axentes, está a xerar "problemas gravísimos" de conciliación para os policías, afectando á seguridade cidadá. "Os axentes, cando están traballando, teñen que estar ao seu traballo. Se teñen que estar preocupados de se non podo ir a coller ao neno ao colexio, se non podo conciliar a vida, iso non é forma", sentenciou.
Os sindicatos tamén presentaron datos oficiais do Ministerio do Interior que mostran un aumento da criminalidade na provincia de Lugo entre 2019 e 2025. A criminalidade total creceu máis dun 27%, a violencia na rúa máis dun 46%, os delitos contra a liberdade case un 60% (conducentes a agresións sexuais con penetración cun 100% de aumento), e a cibercriminalidade disparouse máis dun 141%. Critican que estes incrementos non foron acompañados por un reforzo das plantillas policiais, convertendo Lugo nunha cidade "cada vez máis perigosa".




