A rexedora de Lugo, Elena Candia, e o delegado territorial da Xunta na provincia, Alfonso Villares, celebraron este mércores o seu primeiro encontro de traballo na casa consistorial. O obxectivo principal foi repasar os proxectos que o Goberno galego ten en marcha na cidade e explorar novas vías de colaboración entre ambas as institucións.
Ambos os representantes políticos do PP coincidiron na "fundamental" importancia da cooperación entre o Concello e a Xunta para axilizar os trámites administrativos. Acordaron establecer reunións periódicas de seguimento para supervisar a evolución das actuacións, detectar necesidades de colaboración e impulsar iniciativas que beneficien o desenvolvemento da cidade.
Un dos temas centrais da xuntanza foi a política de vivenda da administración autonómica. Realizouse un seguimento das promocións residenciais que a Xunta está a construír en Lugo, así como doutras medidas como a recente ampliación dos límites de ingresos para acceder a vivendas de promoción pública.
O delegado territorial informou de que a Xunta ten en marcha na capital lucense proxectos para máis de 600 vivendas de promoción pública. Detallou que en Garabolos estanse executando dous edificios con 70 e 76 vivendas, licitada a construción doutras 152, e 59 no barrio de Paradai. Tamén se están redactando proxectos para 50 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos na Rúa Illa Coelleira e 24 vivendas na rúa Ángelo Colocci.
Respecto ao proxecto de interese autonómico (PIA) do Sagrado Corazón, Villares sinalou que xa conta coa aprobación inicial e que se prevé a súa aprobación definitiva no último trimestre do ano, tras estudar as alegacións presentadas.
Tanto Candia como Villares recalcaron a necesidade de manter "unha comunicación fluida" e "unha coordinación permanente" entre as administracións para garantir o avance dos proxectos. Subliñaron a importancia de traballar desde "a lealdade institucional e a cooperación" para aproveitar as oportunidades de investimento e mellora dos servizos na cidade.




