Villares participou no IV Foro Activistas do Rural, organizado polo grupo Lence no Museo Interactivo da Historia de Lugo. No evento tamén estiveron presentes o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez.
O delegado sinalou que o plan de axudas para facilitar a remuda xeracional e a modernización das explotacións agrarias, cunha dotación de 53 millóns de euros, inclúe incentivos específicos para a incorporación de mulleres e a mellora das explotacións nas que figuran como titulares.
"As mulleres teñen cada vez máis peso nun sector tradicionalmente masculinizado que avanza en equidade, cualificación e competitividade", afirmou Villares. Neste sentido, lembrou que representan preto da metade das 614 persoas matriculadas este ano nos centros de formación e experimentación agraria da Xunta.
Ademais, indicou que o Goberno galego dispón dun plan concreto de emprendemento feminino, o Emega, que prioriza as iniciativas nos concellos rurais. Tamén se contemplan previsións favorables noutras liñas xenéricas como o establecemento de traballadores autónomos ou os apoios á contratación.




