O Diario Oficial de Galicia publicou o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de trazado e construción dos tramos comúns do Camiño Primitivo a Santiago. O documento inclúe a relación individual de bens, dereitos e propiedades que se ven afectadas por esta actuación.
Segundo informou Turismo de Galicia, o proxecto afecta a arredor de 300 propiedades situadas nos concellos de A Fonsagrada, Baleira, Lugo, Guntín, Palas de Rei, na provincia de Lugo, e Toques e Melide, na provincia da Coruña.
A partir deste mércores, 17 de xuño, ábrese un prazo de 30 días hábiles para que as persoas interesadas poidan expoñer as súas alegacións. O obxectivo principal é poder corrixir posibles erros detectados ou manifestar oposición á necesidade de ocupación dos terreos.
O proxecto completo está á disposición para a súa consulta tanto na páxina web de Turismo de Galicia como de forma presencial na súa sede central. Tamén se pode consultar nas sedes da Delegación Provincial da Xunta en Lugo e na Delegación Provincial da Coruña, así como nos propios concellos afectados.
Esta iniciativa forma parte dos plans da Xunta para mellorar a seguridade viaria e o trazado dos diferentes itinerarios xacobeos, coa vista posta no próximo Xacobeo 2027. Neste sentido, prevese a reforma de máis de 150 quilómetros en nove rutas, cun investimento que podería alcanzar os 40 millóns de euros.
Ademais, o Consello da Xunta aprobou recentemente o proxecto definitivo de trazado e construción dos tramos comúns no Camiño de Inverno, que inclúe a execución de trece novas sendas peatonais en varios concellos.




