O zooarqueólogo Hugo Bal (Lugo, 1997) presentou os resultados da súa tese doutoral na Universidade de Santiago de Compostela (USC), que redefine a comprensión da ocupación humana e animal no noroeste peninsular durante o final do Plistoceno. O seu estudo, centrado nos xacementos de Cova Eirós (Triacastela), Valdavara (Becerreá) e A Valiña (Castroverde), suxire que as serras orientais da provincia de Lugo ofreceron un ambiente habitable e protexido do frío extremo daquela época.
A particularidade do solo galego, que non favorece a conservación de sólidos orgánicos, fai que as covas sexan os únicos lugares onde se poden recuperar os restos de animais que serviron de alimento a neandertais e homo sapiens. A tese de Bal unifica o estudo destes tres xacementos, que ata agora se analizaban de forma illada, proporcionando unha visión máis completa da súa interconexión e importancia.
“"Calculamos que na fin do Plistoceno había unha media de 3,5 graos menos dos que hai na actualidade."
A análise de pequenos roedores e grandes herbívoros permitiu estimar que as temperaturas medias eran uns 3,5 graos máis baixas que as actuais. Con todo, a presenza de microclimas nas zonas máis elevadas, próximas aos glaciares, e a natureza das covas con substratos calcáreos e temperaturas estables, converteron a rexión nunha zona de refuxio climático. Os grupos humanos, procedentes da área cantábrica e do interior peninsular, atoparon nestas serras un crisol onde confluían diferentes culturas.
Os neandertais e os homo sapiens ocuparon estas covas en diferentes períodos, sen que se rexistrase unha convivencia temporal directa na rexión. As evidencias indican que as covas, como Cova Eirós, eran utilizadas como campamentos estacionais, principalmente en primavera e outono, seguindo os movementos dos animais, sendo o cervo a presa máis común. Tamén se atoparon restos de uros, bisontes, rebezos, leopardos, hienas, leóns das cavernas e rinocerontes lanudos, o que reflicte a rica biodiversidade da época.
A investigación tamén revela aspectos culturais, como o uso de dentes de animais perforados e ósos decorados por parte dos homo sapiens en Cova Eirós, así como o intercambio de obxectos con outros grupos, como as cunchas mariñas atopadas en Valdavara, que poderían proceder da costa cantábrica.




