Os traballos, que xa se iniciaron coa apertura de cunetas, céntranse no tramo que vai dende a parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei, ata A Fonte da Pinguela, no concello de Outeiro de Rei. Esta intervención é fundamental para garantir a seguridade e fluidez do tráfico nunha vía considerada clave para a mobilidade da zona.
Ademais da apertura de cunetas, as obras contemplan a reparación de posibles danos existentes na calzada e a repavimentación completa do firme. Segundo informou a Deputación, esta estrada é esencial para o transporte escolar, así como para o acceso dos veciños a servizos médicos e culturais da contorna.
Esta estrada é clave para a mobilidade da contorna, o transporte escolar e o acceso a servizos médicos e culturais.
Por outra banda, a institución provincial tamén anunciou o inicio da sexta tempada do programa Coñece a túa provincia, unha iniciativa que fomenta o turismo de proximidade. Esta primavera, o programa ofrecerá 84 viaxes gratuítas, beneficiando a unhas 3.000 persoas.
As excursións realizaranse en dúas quendas: a primeira, entre os meses de abril e xuño, e a segunda, durante o outono. A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, deron a benvida aos primeiros grupos participantes, entre os que se atopaban a asociación Santalla de Pena de Begonte, que visitará Foz, e as mulleres Bolboretas de Xove, con destino a Pantón e Carballedo.




