O PM Friol concluíu a súa participación na Terceira Federación cunha notable actuación, goleando ao Bergantiños por 4-1. O equipo dirixido por Isa dominou o encontro de principio a fin, asegurando a vitoria na segunda metade grazas a un dobrete de Paola e os tantos de Yole e Mery.
Na Primeira Futgal, o Antas mantén a súa posición no segundo posto tras empatar a un fronte ao Villalonga B. Lidia adiantou ás locais de penalti, pero Yanire igualou o marcador antes do descanso. A pesar do esforzo na segunda parte, o Antas non conseguiu os tres puntos.
A Segunda Futgal tamén deixou noticias positivas co reparto de puntos entre Milagrosa e Cee (1-1). O equipo da capital lucense viu recompensado o seu esforzo co gol de Paula, que asinou o único tanto para as súas.
Pola súa banda, o San Lázaro impúxose por 1-0 ao Unión Campestre nun partido onde as xogadoras de Rubén controlaron o xogo desde o inicio, aínda que as intervencións da porteira rival dificultaron o gol ata os últimos minutos.
A Terceira Futgal estivo marcada por resultados contundentes. O PM Friol B proclamouse campión de liga tras golear por 6-0 ao Carballedo. Despois dunha primeira metade igualada, o equipo de A Reigosa despregou todo o seu potencial ofensivo na segunda parte.
No Cortizo, o Monte Forte protagonizou outra goleada ao vencer por 0-5 ao Lalín. As xogadoras Marián e Pedemer foron claves no triunfo, sumando catro dos cinco goles do equipo monfortino. Non tivo a mesma sorte o San Roque, que caeu por 2-3 ante o Cruces nun encontro decidido por unha xogada de córner.




