Paddy Bushe asumirá o rol de padriño da habitación Marea Viva, un espazo temático e itinerante dentro do Hotel Bela Fisterra. Este proxecto está dedicado á creación contemporánea, onde artistas convidados se aloxan, atopan inspiración e desenvolven obras orixinais que deixan a súa pegada no propio lugar.
“"Cada padriño ou madriña transforma a habitación coa súa visión, converténdoa nun lugar en constante evolución onde a arte, a literatura e o mar dialogan continuamente."
O poeta irlandés tomará o relevo de Marilar Aleixandre nun acto que se celebrará o sábado, día 11, ás 12.30 horas. No evento participarán tamén o escritor fisterrán Modesto Fraga, membro do Comité de Sabios de Bela Fisterra, e David Clark e Miguel Giráldez, responsables do Instituto Universitario Amergin, Irish Studies - UDC, da Universidade da Coruña.
Durante a súa visita á Costa da Morte en 2025, Paddy Bushe creou unha serie de haikus que posteriormente desenvolveu nun poema titulado Bela Fisterra. Esta obra foi escrita en inglés e gaélico, e traducida ao galego por Antonio de Toro, amigo do poeta e impulsor das súas conexións coa rexión.
A xornada incluirá un recital poético no que intervirán o propio Paddy Bushe, Marilar Aleixandre, Modesto Fraga, Alexandre Nerium, Rosalía Fernández Rial, Xavier Seoane, Xosé Iglesias, Rivadulla Corcón e Chisco F. Naval, agardándose máis sorpresas. Ademais, o artista audiovisual Juan Lesta presentará o videopoema Bela Fisterra, que tematizará a habitación Marea Viva. A cita estará amenizada musicalmente por Os Sib do Solpor, grupo de música tradicional galega liderado por Santi Bardullas.




