O evento, organizado polo Concello da Coruña e producido por Nordesía, forma parte da programación das Festas do Rosario e busca reivindicar o legado literario, intelectual e humano da escritora, xornalista e activista feminista. A proposta artística reunirá sobre o escenario a creadoras actuais da cultura galega nunha celebración colectiva que combinará música, palabra e creación visual.
A cita dará comezo ás 20.00 horas e a entrada será de balde ata completar capacidade. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou o compromiso do Goberno de Inés Rey coa difusión da figura de Begoña Caamaño e coa promoción da cultura galega, sinalando que se quere renderlle unha homenaxe "á altura do seu legado, apostando por unha proposta contemporánea, colectiva e emocional".
Baixo a dirección escénica de Marina Oural e Ugia Pedreira, o espectáculo propón unha viaxe sonora e poética polo universo de Caamaño, inspirada no seu espírito libre e transgresor. A través de lecturas, música en directo e creación visual, a proposta busca construír un espazo de encontro e sororidade.
No escenario participarán artistas como Rosa Cedrón, Ana Romaní, Lucía Aldao, Uxía, Faia Díaz, Tereixa Novo, A Pedreira, De Vacas, Alba María e Zeltia Irevire, entre outras. A parte visual correrá a cargo da ilustradora Agustina Shuan. O espectáculo tamén percorrerá os universos musicais que marcaron a traxectoria de Caamaño, incluíndo referentes galegos e internacionais.
Ademais deste evento, a Cidade Vella continuará coas actividades das Festas do Rosario. Este martes haberá actuacións musicais e o pregón das festas. O mércores 7 de outubro, día da patroa, a programación incluirá dianas, alboradas, a actuación da Banda Municipal da Coruña, misa solemne e procesión, ademais de polbeira e churrascada. Tamén actuarán Broken Peach, Indiegentes e haberá un contacontos musical.
Por outra banda, os Museos Científicos celebrarán unha xornada de portas abertas este mércores 7 de outubro, de 10.00 a 19.00 horas. A entrada será gratuíta sen reserva previa na Casa das Ciencias e na Domus, agás para o Planetario da Casa das Ciencias e o espazo MiniDomus da Domus, que requirirán reserva. No Aquarium Finisterrae será imprescindible reservar entrada, aínda que as persoas maiores de 65 anos poderán acceder sen reserva.




