O comité de empresa de Xeal alerta dun novo bloqueo na negociación do convenio colectivo

A representación dos traballadores advirte de posibles medidas ante a falta de avances e a paralización da actividade produtiva en Cee e Dumbría.

Imaxe xenérica de mans estreitándose nunha mesa de negociación.
IA

Imaxe xenérica de mans estreitándose nunha mesa de negociación.

O comité de empresa de Xeal manifesta a súa profunda preocupación pola ausencia de progresos na negociación do convenio colectivo, unha situación que podería levar a un novo bloqueo das conversas e á adopción de medidas por parte dos traballadores.

A representación dos traballadores de Xeal alerta sobre a estancada situación na mesa de negociación do convenio colectivo, o que xera un ambiente de tensión e incerteza. Segundo o comité, a falta de avances reais está a deteriorar o clima laboral, que xa se atopa nun momento delicado.
Ademais, a conxuntura actual da empresa non contribúe a mellorar o escenario. Desde hai tres semanas, a actividade produtiva está moi limitada, con só dous fornos operativos na fábrica de Dumbría, mentres que todas as unidades do centro de Cee permanecen paralizadas. Esta situación provocou que todo o persoal contratado tivese que regresar aos seus domicilios.

"A falta de avances reais na mesa de negociación está a provocar un deterioro do clima laboral, que na actualidade atravesa un momento especialmente delicado. A esta situación súmase a conxuntura da propia empresa, que tampouco contribúe a mellorar o escenario."

o comité de empresa
O comité considera inaceptable que unha compañía que xestiona concesións públicas e que, nos últimos tres anos, recibiu máis de 30 millóns de euros en subvencións e declarou beneficios anuais de arredor de 80 millóns de euros, non dea resposta ás necesidades do seu cadro de persoal. Denuncian tamén que a empresa se nega a garantir o mantemento do poder adquisitivo mediante cláusulas de revisión ligadas ao IPC e a incorporar mecanismos de recuperación salarial.
Os representantes dos traballadores mantiveron unha reunión coa Xunta de Galicia para trasladar as súas inquedanzas e a realidade laboral interna da compañía. Con todo, sinalan que, ata o momento, “todo quedou en boas palabras e intencións, sen que se materializasen en feitos concretos”.
O comité advirte que, de non producirse avances significativos nas negociacións a curto prazo, terán que adoptar outro tipo de medidas ou decisións co obxectivo de defender os dereitos laborais e garantir unhas condicións dignas para o conxunto das persoas traballadoras.