O alcalde de Valdoviño, Alberto González, solicitou formalmente unha entrevista co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para trasladar novamente as demandas municipais en materia educativa. A petición realizouse tras coñecerse que o proxecto de orzamentos do goberno galego para 2027 inclúe unha partida para a mellora do CPI de Atios, unha intervención demandada dende hai anos polo concello, pero que obvia a reivindicación unánime para a construción dun instituto na localidade.
O goberno local considera positiva a inclusión dunha partida de 1,51 millóns de euros para a "Rehabilitación integral do edificio" do CPI de Atios, que inclúe a renovación da envolvente térmica, cuberta, fiestras e caldeira. Esta actuación atende unha solicitude que levaba anos pendente e que o Concello formulou en reiteradas reunións cos representantes da consellería.
Non obstante, o executivo municipal subliña que esta actuación só responde a unha parte das súas reivindicacións e "seguirá pulando" porque a Xunta "deixe de ignorar o sentir do conxunto dos valdoviñeses e valdoviñesas". O pleno da corporación xa aprobara en abril de 2025 unha moción para demandar a implantación dun instituto con oferta de FP básica, argumentando o aumento da poboación e da matrícula nos centros actuais.
Dende o Concello agardan que o conselleiro atenda a petición de reunión ou a invitación para visitar o municipio e coñecer de primeira man as súas necesidades educativas. Lémbrase que o proxecto de orzamentos 2027 da Xunta aínda está en fase de tramitación parlamentaria e, polo tanto, aberto a posibles modificacións.




