Os actos tiveron lugar na praia da Frouxeira, no camiño de entrada ao areal, e en Pantín, aos pés dunha placa que lembra aos mestres represaliados en 1936. Estas homenaxes realízanse no mes da aprobación da Lei de Memoria Democrática e días antes de que o pleno municipal someta a aprobación o regulamento do Consello Sectorial da Memoria democrática.
Na Frouxeira, a ofrenda lembrou os fusilamentos de Porto Leis, onde segundo testemuños tiveron lugar as execucións do último alcalde republicano de Serantes e compañeiros. En Pantín, a homenaxe estendeuse aos mestres represaliados: Frutos Burgos Ramos, Reinaldo Sarria Delgado, José Ambrós Gordillo, Manuel López González e Joaquín Pérez Garre.




