A Mancomunidade de Ferrol activa medidas de aforro de auga pola seca

Restriccións nos usos non prioritarios e control da presión da rede son algunhas das accións ante o baixo nivel do encoro das Forcadas.

A Mancomunidade de Ferrol activa medidas de aforro de auga pola seca

Concello de Valdoviño

A Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol analizou este luns as medidas a adoptar para facer fronte á situación de seca, provocada pola falta de precipitacións e as elevadas temperaturas, que afectan ao nivel do encoro das Forcadas.

O encoro das Forcadas, que abastece a Ferrol, Narón, Fene, Ares, Mugardos, Valdoviño e Neda (140.008 habitantes), atópase hoxe ao 26,15% da súa capacidade, unha porcentaxe inferior á media histórica para esta data. Esta situación de escaseza de auga afecta tamén a outras zonas de Galicia, con 123 concellos incluídos en unidades con escaseza conxuntural, dos cales 59 están en alerta.
Ante esta situación, e tras as primeiras medidas de prealerta adoptadas en xullo, a Mancomunidade acordou crear un grupo de coordinación técnica con representantes dos sete concellos para coordinar actuacións e dar unha resposta conxunta.
Entre as actuacións xa realizadas para mellorar a situación atópanse o reforzo de procesos de tratamento en Catabois, a instalación de medidas de caudais e volumes, a substitución de máis de 8.000 contadores entre 2024 e 2026, e a reparación de máis de 200 fugas.
O plan de medidas de aforro de auga inclúe a restrición inmediata nos usos non prioritarios, como o rego de xardíns, o baldeo de rúas, o enchido de piscinas, o funcionamento de fontes ornamentais e a limpeza de vehículos e exteriores.
A segunda medida será a regulación da presión da rede, reducindo o consumo nos domicilios e empresas entre as 22.00 e as 7.00 horas. A retirada destas medidas realizarase unha vez se comprobe a mellora na situación do encoro.
Información elaborada a partir da fonte oficial: Concello de Valdoviño (09/11/2026)