A nave municipal de Mourente, propiedade do Concello de Valdoviño, non será subastada. A Tesourería Xeral da Seguridade Social confirmou esta semana por escrito o que xa comunicara telefonicamente hai dúas semanas, respondendo á reclamación previa de tercería de dominio presentada pola secretaria municipal, acreditando a propiedade do inmoble coa escritura correspondente.
No pleno do pasado 5 de novembro, o grupo municipal do PP puxera en dúbida a intervención da secretaria, a pesar das súas respostas afirmativas. O alcalde, Alberto González, reiterou o erro administrativo da Seguridade Social e asegurou que a subasta, de estar activa, nunca podería adxudicarse pola acreditada propiedade municipal. Afearon aos populares xerar un problema urbanístico a partir dun erro alleo ao Concello, cualificado polos populares como "escándalo urbanístico de primer nivel".
O alcalde lembrou que a nave foi adquirida en marzo de 2015 a Excavaciones Saavedra, propiedade dun concelleiro do PP noutro concello e ocupada por un ex edil que gobernara co PP de Valdoviño. A adquisición formalizouse o 22 de maio de 2015, poucos días antes das eleccións municipais. A negociación inicial para a adquisición desta nave, coñecida como nave do Golpiño, fora iniciada polo anterior alcalde popular en novembro de 2014.




