A proba, unha das citas máis emblemáticas do calendario deportivo da comarca, alcanzou xa as catro décadas de historia e consolidouse como un referente do atletismo popular. A organización desta edición especial corre a cargo do Concello de Fene, coa colaboración dos municipios de Ferrol, Narón e Neda, e da Federación Galega de Atletismo. A carreira rende homenaxe á memoria de Adolfo Ros, quen faleceu en agosto de 1985 tras lanzarse ao mar para rescatar nenos na praia de Doniños.
A proba absoluta dará comezo ás 10:00 horas nas inmediacións do pavillón polideportivo A Xunqueira. O percorrido, de aproximadamente 21 quilómetros de distancia de media maratón non homologada, atravesará os concellos de Fene, Ferrol, Narón e Neda antes de regresar ao punto de partida. A carreira está incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e é aberta a atletas federados e non federados.
“"Chegar aos corenta anos dunha carreira destas características é motivo de orgullo para toda a comarca. O Memorial Adolfo Ros é moito máis ca unha competición deportiva, é unha cita que nos une arredor da ría."
A proba contará con sete categorías absolutas por idade: Sub 20, Sub 23, Sénior e Máster A, B, C e D. Tamén haberá categorías específicas para deportistas en cadeira de rodas, handbike e persoas con discapacidade visual. Ao longo do itinerario habilitaranse postos de avituallamento nos quilómetros 5, 10, 15 e 20, e a cronometraxe realizarase mediante chip no dorsal.
Unha xornada deportiva tamén para a cativada. As probas de menores desenvolveranse integramente en San Valentín, inmediatamente despois da saída da media maratón, con distancias adaptadas ás diferentes idades: desde 2.000 metros para Sub 18 e Sub 16, ata 50 metros para a categoría Peques (nados en 2021 e 2022). A participación nestas categorías é totalmente gratuíta.
As inscricións para a carreira absoluta poden formalizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com ata as 23:59 horas do 9 de decembro. O custo da inscrición é de 7 euros. A retirada de dorsais e chips realizarase no pavillón A Xunqueira o venres 11, sábado 12 e domingo 13 de decembro, con horarios que se estenden ata as 21:00 horas o sábado. A entrega de trofeos terá lugar ás 13:00 horas do domingo no mesmo pavillón.




