A parroquia de Pedroso acolle a partir do vindeiro luns 26 de outubro o programa “Volver a vida”, unha iniciativa do Servizo Sociocomunitario do Concello de Narón pensada para combater a soidade non desexada entre as persoas maiores de 70 anos. As sesións terán lugar no centro cívico social da localidade.
As tardes de encontro celebraranse os luns e os domingos, en horario de 17:00 a 19:00 horas, ata o 30 de novembro. O programa está deseñado para grupos reducidos, de ata 12 persoas, co obxectivo de fomentar a compañía e o coñecemento mutuo nun ambiente distendido. Segundo o lema da actividade, "Non fai falta saber nada nin traer nada. Só ter ganas de vir".
A metodoloxía do programa é grupal, participativa e centrada en cada persoa. Combinaranse conversas, dinámicas de grupo, actividades creativas e exercicios para a memoria, ademais de espazos para compartir lembranzas e recuperar actividades que antes proporcionaban benestar.
“"A soidade non desexada non sempre se observa, pero está moito máis presente do que pensamos. [...] Do que se trata é de que ninguén sinta que a súa tarde pasa sen que ninguén o note."
A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, destacou a importancia da iniciativa para "ofrecer un lugar onde chegar, conversar e sentirse acompañado a quen o necesite, sen presións nin obrigas".
A actividade é gratuíta e as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse chamando ao Concello de Narón nos teléfonos 981 337 700 ( extensións 1108 e 1109) ou no móbil 698 122 420.




