A proba, celebrada en Chengdu, China, volveu ser un espectáculo de alto nivel, onde a deportista do Náutico de Narón quedou a menos dun segundo de conseguir unha medalla. A decisión final dos xuíces, que requiriu fotofinish, confirmou a súa cuarta posición nun sprint final moi apertado.
Centímetros lle faltaron á do Náutico de Narón para repetir, ou mellor, o bronce vivido hai dous meses nesta mesma competición e que, así mesmo, abriu a porta a unha exitosa campaña a nivel internacional.
A vitoria foi para a alemá Laura Lindemann, quen superou por escasos centímetros a Valentina Riasova e á británica Kate Waugh. Guerrero mantívose entre as mellores durante toda a carreira, demostrando a súa gran forma física e estratexia. A pesar de saír un pouco atrasada da auga, conseguiu integrarse no pelotón ciclista e realizar unha intelixente carreira a pé, pegada ás principais rivais.
Este cuarto lugar, acadado despois de superar problemas físicos, subliña a capacidade de Guerrero para competir ao máis alto nivel internacional. A deportista xa ten a vista posta nos seus próximos compromisos, incluíndo a convocatoria para as Series Mundiais de Alghero, en Italia, que se celebrarán a finais de maio.




